A idea de poder combinar a posibilidade de gozar ao contemplar unha obra de arte, e escoitar o que os teus ollos te queren contar, coa práctica da solidariedade é posible durante os catro días de celebración de Espazo Atlántico no Instituto Feiral de Vigo, IFEVI.
A dirección de Espazo Atlántico doará o 15% da recadación procedente da venda de entradas a unha organización benéfica viguesa, a Fundación IgualArte. Esta entidade, nacida en 2002, ten como obxectivo promover o desenvolvemento individual de persoas con minusvalideces a través da arte, unha importante tarefa na que Espazo Atlántico se quere implicar.
IgualArte ofrece un espazo activo e integrador destinado a fomentar a creatividade. Para iso organiza numerosas actividades artísticas lúdicas e de aprendizaxe, potenciando o benestar persoal con necesidades educativas especiais. Todo isto vehicúlase a través da música, a plástica, a expresión corporal e teatral, o baile, empregando os recursos dispoñibles na súa Fundación. Tamén iniciou unha liña de investigación de métodos e adaptacións curriculares en educación musical e artísticas para persoas con necesidades educativas especiais.
Un espírito que recolle plenamente Espazo Atlántico, que nesta cuarta edición se presenta baixo o slogan "Ven a escoitar o que os teus ollos te queren contar", que busca universalizar a arte, nun convite a gozar das obras que participarán alí con todos os sentidos, a escoitar coa mirada cando as palabras quedan curtas.
Espazo Atlántico. FEIRA DE ARTE CONTEMPORÁNEA VIGO 2010
Entre o 14 e o 17 de xaneiro en IFEVI, Vigo celebra a cuarta edición da súa feira de arte contemporánea, baixo un novo nome, Espazo Atlántico, na que participan un total de 52 expositores no Programa Xeral, integrado por galerías procedentes de España e Portugal. Ademais, hai que engadir os 12 'projects', nos que se presentan os traballos de artistas individuais, procedentes de distintas nacionalidades

Nesta edición de 2010 participan as galerías máis destacadas de España e Portugal. Trátase da cuarta edición desta feira antes coñecida como Pura Arte e que agora se presenta completamente renovada, cunha vocación máis internacional, posicionándose xa como unha cita de referencia para a arte peninsular. O punto de encontro será o Instituto feiral de Vigo, IFEVI, na cidade viguesa, cun comité organizador integrado polo Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Obra Social Caixanova.
Espazo Atlántico sitúase como a principal referencia feiral do noroeste peninsular, singularizándose pola súa relación directa con Portugal, que mostraron unha resposta moi positiva cara a esta edición. De feito, son 15 os expositores procedentes deste país, importantes galerías como como Filomena Soares, Mário Sequeira, Fernando Santos, Graça Brandão, Pedro Cera, Presença, Quadrado Azul, 111, Carlos Carvalho, Módulo ou Pedro Oliveira. Esta ampla representación implicará tamén un importante fluxo de público do país veciño, que vai nesta cita un referente de calidade para o mercado da arte.
A isto hai que sumar as 37 españolas (das que 18 son galegas), entre as que destacan importantes galerías como Fúcares, Heinrich Ehrhardt, Max Estrella, Fernando Pradilla, Maisterravalbuena, Metta, Moisés Pérez de Albéniz, Álvaro Alcázar, Marta Cervera, Magda Bellotti, Siboney ou Xavier Fiol.
En Galicia chegouse a un acordo de colaboración coa Asociación Galega de Galerías de Arte e tamén se confirmou a presenza de practicamente todas as galerías galegas, con nomes como adhoc, Trinta, SCQ, Marisa Marimón, Bacelos ou Factoría Compostela, entre outras. Trátase dun feito histórico, xa que nunca o sector acudira a un evento con tal unanimidade. Isto constitúe, sen dúbida, un verdadeiro punto de inflexión para o mercado da arte no país, algo moi necesario no complicado contexto económico actual.
Unha oferta que se completa con 12 'projects' nos que se expoñen traballos dun único artista, con nomes como os os brasileiros José Bechara e Eder Santos, ou os galegos Marc Quintana e Álvaro Negro, dentro dun amplo e diverso conxunto de propostas que integran esta sección da feira.